recomendacións
Ollos de Auga
Domingo Villar
O protagonista do “reencontro” desta semana foi Domingo Villar. Algúns integrantes do club lemos “Ollos de auga”; outros, “A praia dos afogados”; pero todos e todas quedamos con ganas de máis… Tocará ler “O último barco” proximamente. Aquí vos deixamos unha recensión do primeiro deles. Alguén se anima a ler algún dos outros e enviarnos a súa opinión?
Domingo Villar lévanos en Ollos de auga por unha investigación na que uns ollos azuis se converten nunha imaxe constante, case hipnótica, que acompaña toda a lectura mentres te vas afastando do mundo exterior.
Todo comeza cun crime, si. Un saxofonista aparece asasinado no seu piso de Vigo e Leo Caldas encárgase da investigación xunto ao seu compañeiro Estévez. Pero moi pronto a novela demostra que non vai quedar só nun “quen foi?”. Hai algo na maneira de contar de Villar que engancha desde as primeiras páxinas: Vigo, o mar, o jazz, os bares, a radio, os silencios…
Un dos grandes acertos da novela é Leo Caldas. Lonxe do típico detective frío e infalible, resulta profundamente humano; sen que a súa vida persoal ocupe o centro, deixa entrever o xusto para que resulte máis real e crible. É deses personaxes que fan que queiras seguir lendo non só para resolver o crime, senón para coñecelo un pouco mellor.
E logo está Estévez. Tan distinto de Caldas que ás veces parece imposible que poidan entenderse. Pode ser que por iso funcionen tan ben xuntos. As súas diferenzas crean momentos de tensión e, tamén ás veces de humor, que fan a lectura aínda máis entretida.
Outra das mellores cousas da novela é que consegue manter a intriga ata o final. Cando parece que todo encaixa, a historia segue deixando pequenas dúbidas, detalles que fan sospeitar que quizá alguén está mirando na dirección equivocada. E ata aquí se pode contar…
Se vos gustan as novelas policiais con personalidade, escenarios recoñecibles e protagonistas cheos de matices, Ollos de auga é unha lectura moi recomendable. E o mellor de todo é que, ao rematala, aínda queda a sensación de querer acompañar un pouco máis a Leo Caldas. Por sorte, para iso está A praia dos afogados.